25 ene 2013

Hai unha semana que temos académica



Nós tamén nos sumamos a esta importante celebración.

Noraboa Fina









 


A RAG (Real Academia Galega) acaba de elixir a Fina Casalderrey como académica numeraria.
Con Fina entra na Academia unha muller (por méritos propios) pero tamén a literatura infantil e xuvenil. Diso vai tratar o seu discurso de entrada, escoitaremos esas palabras que tratan desta literatura non sempre asumida como LITERATURA (con maiúsculas).
Realmente estamos de noraboa, pois sentímonos moi ben representadas por esta muller que entre outros conta con Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil. Unha muller que ademais é mestra (¿acaso se deixa de ser por non ir xa á escola?) e, polo tanto, mediadora do libro. Unha académica de luxo!

18 ene 2013

SEGUIMOS LENDO

Novas propostas de lectura de Xerais que nos presentan dende o IES Prota do Son. Desta volta vai unha de misterio e medo.


14 ene 2013

POR QUE LER DRAGAL

Da web dragal.eu
A triloxía de Dragal é moito máis ca unha viaxe fantástica ao mundo dos dragóns e todos os poderes que a escritora lle quixo atribuír. 

Se fiamos máis fino podemos descubrir boa parte da historia de Galicia dende os primeiros séculos ata a Idade Media. Son moitos os elementos históricos, pero ben dosificados e sen relentizar a lectura,  que nos dan acceso a este coñecemento: os cabaleiros da Orde de Dragal (ou de Santiago), as orixes do reino Suevo e a adoración pagá a un ser máxico e todopoderoso: o dragón, a chegada do cristianismo e  da evanxelización (Martiño Dumio), a morte e traslado dos restos do Apóstolo Santiago, o papel da Raíña Lupa na historia de Santiago, asistimos a clases de alquimia, arquitectura, astronomía ou medicina e ficamos sorprendidos unha vez máis do papel decisivo que xogan as mulleres en moitos momentos importantes da nosa historia sen perder o fío da lectura. 

Hai algo especial neste libro que nos ten cativos, as ansias de saber máis cousas da historia de Dragal, pero tamén da nosa historia. A conto disto, penso que aínda podemos ler o libro cuns lentes diferentes e interpretar a homenaxe que a autora fai ao dragón, un ser diferente, que foi perseguido e dominado ata case facelo desaparecer, como unha metáfora da nosa cultura. Hoxe máis ca nunca a nosa marca de identidade cultural, a nosa lingua, fica perseguida en silencio. Esta é a ferramenta máis poderosa, o silencia, a indiferencia, en Galicia poucos defende o noso, ese algo especial que nos caracteriza. Unha vez máis ficamos sometidos e encadeados como Hadrián dentro do seu cuarto, sen forza para pronunciar palabra, sen alento nin enerxia para expresar o que sentimos. Parece que tiveramos a pel impregnada co zume da submisión milenaria que vivimos dende a Idade Media e da cal non acabamos de desprendernos.

CONCURSO MICRORELATOS OZOCOgz

Este concurso baseado nos seres máxicos e lendas galegas vénnos moi ben para o alumnado de 4º da ESO do curso pasado  que xa tiña algo escrito sobre a fauna máxica galega. De todas formas calquera que cumpra os requisitos das bases pode participar. 

Seguimos creando. Animádevos.