30 ene 2012

The Fantastic Flying Books of Mr. Morris!

TRAFEGANDO RONSEIS compartiu connosco este vídeo. Non podo deixar de poñelo no  blog.
  
Esperamos que pasedes un bo anaco véndoo.

25 ene 2012

NA SOLAINA



Cada vez estou máis convencida de que me gusta ser una persoa que se emociona, porque só así se pode gozar coa lectura dun libro coma o de David Vázquez Álvarez (Entrevista, CPI Virxe de Cela).
Esta prosa mol, donda e serena que sae da pruma do autor fai que nos mergullemos na vida de Ana, unha velliña nada a comezos do século xx, que devece por estar co fillo da muller do servizo. Porén, as prohibicións do pai, primeiro e a marcha do rapaz alén mar na busca dun futuro mellor, despois, fan que a moza abandone a aldea da Ribeira Sacra, á cal regresa agora, tras vivir corenta anos na fermosa cidade da Coruña.

Quizais ese accidente que lle produciu a rotura do pé fose tan só a escusa perfecta para chegar ao fogar dos maiores que construíron para a xente do lugar na aldea que a viu nacer. Dende a solaina do edificio os seus húmidos ollos albiscan cada un dos recunchos daquel fermoso val facendo que os seus recordos se espreguicen: o pazo familiar no cal coñece ao Rabizo e no que tantas veces discutiu co seu pai ou irmán maior; o regato, testemuña dos encontros ás agachadas dos mozos que tanto amor sentían, ou as serras que acubillaran no seu ventre ao mozo e ao seu amigo Pepe, fuxidos durante os anos da Guerra.
Ana, co decorrer dos días vai conversando pouco a pouco coa súa enfermeira, Diana, que tan ben sabía tirar do nobelo durante os longos paseos que daban por recomendación do doutor. A velliña presa da dor que lle producían as lembranzas que se amoreaban como á saída dun túnel na procura da luz, aconsella así á pequena: “…todos somos prisioneiros das nosas decisións, das nosas lembranzas, dos nosos erros (…) O que pasou xa foi. Non podemos volver atrás no tempo. Os rotos da alma non se poden remendar”.
Mais desta volta trabucábase con aquel consello. Quixo a vida que todo o sufrimento daquela mociña e desta velliña, que debruzada na solaina da súa vellez enxergaba os duros recordos do pasado que gardaba naquela caixiña de madeira, tivera un final feliz.
Merece a pena loitar aínda que Ana pensase “que a vida sempre gaña, miña pequena”, para agora mirar nos ollos do Rabizo a luz daquel amor que nacera cando aínda eran nenos e ían xuntos á escola. Agora, eran libre por fin e agardábaos toda unha vida xuntos.
Os elos que forman a cadea temática desta novela, malia seren coñecidos para todos: a Guerra Civil, os asasinatos, o caciquismo, o despotismo, o machismo, a diferenza de clases, a falta de liberdade, o amor, a emigración, os campos de concentración… combínanse de tal forma que o autor fai que non caiamos no aburrimento. As continuas viaxes que a velliña Ana e os demais personaxes fan dende o presente cara o pasado, fai que camiñemos cara outras lecturas como Agosto do 36, recordando a fuxida polos montes ourensáns de Manuel; O neno do pixama a raias, ao lembrar as chemineas que liberaban de forma tan atroz as persoas que estiveran alí prisioneiras, ou as escenas do filme A mariñeira, entre outras moitas que podiamos citar.
Sexa como for, as bágoas acudiron en varias ocasións aos meus ollos ao sentir todas esas emocións que moven aos personaxes desta novela: como evitar non sentir o medo dun neno de 16 anos partir cara América, ou medo ante a carraxe que sente o pai de Ana ao velo co fillo da criada, ou o medo do Rabizo a participar nunha guerra que non era súa matando a xente inocente, a emoción de Sara cando ve regresar ao fillo mozo da Habana, a tristeza do Rabizo no porto da Coruña lembrando que non se podía despedir de ninguén, nin de Ana, o amor que desprendían os olliños de Ana cara o seu namorado ou o desexo e ilusión de ser libres por fin e poder estar xuntos para sempre. Todas estas emocións e outras tantas máis e o suspense que a protagonista lle pon ás súas verbas fan que prendamos na lectura, que fiquemos neste fermoso lugar dos canóns do Sil un anaco máis, como fixo a enfermeira, malia ter unha boa oferta de traballo na cidade, porque desexabamos saber cal era o desenlace daquelas vidas. Grazas á súa curiosidade a historia vai medrando a pouquiños e os flashback son continuos, pero ao final logramos descubrir que os soños a veces tamén se fan realidade.
NA SOLAINA da casa vella da miña avoa, á sombra da figueira, escoitei moitas historias da boca dela e de miña bisavoa . Quen se resiste a NON SOÑAR!!!!!


Agora, miña bisavoa, dende hai moito, e miña avoa, dende un ano e medio, xa non están. A vella figueira xa foi substituída por outra máis nova. E, aquela cativa que soñaba, cando agora sobe á solaina, sabe que os soños se fan realidade só en novelas coma esta.

Loli Cid Cid

Abraham Carreiro

 O debuxante e deseñador gráfico Abraham Carreiro  e o cineasta, músico e poeta Maties Segura Rubio convídannos a entrar no mundo dos xogos on-line e na vida do ciberpirata máis famoso neste intre, Xoeliki. 

A literatura infantil e xubenil está de noraboa porque a través da súa editorial podes logo achegar aos rapaces ao mundo da interpretación ou da banda deseñada cun taller co propio debuxante.


Xa podes ler na nosa biblioteca o primeiro libro de Xoelike. As aventuras dun ciberpirata, e xa está a piques de saír o segundo libro deste rapaz ao cal lle encanta meterse en sarillos. Se queredes resolver algúns dos misterios que engaiola o libro só tedes que acceder á web facendo clic na seguitne imaxe.


18 ene 2012

Sherlock Holmes

Este mes de xaneiro estreouse nos cines galegos unha nova película do voso detective preferido. Podedes vela e logo contádesnos a vosa impresión. Tamén podedes valorar se as aventuras de Holmes se adaptan á novela que vós lestes ou é algo totalmente diferente.

11 ene 2012

Club lectura LeMos

Editorial Rinoceronte

O club de lectura LeMos reúnese o mércores 11 de xaneiro para comentar a desacougante lectura de Purga, de Sofi Okasem

En todas as guerras as mulleres son as que máis perden.

Sofi permítenos a nós, como lectores e lectoras, facer a Purga que non fai a sociedade, xa que o pesadelo polo que pasaron e pasan mulleres e nenas de todos os tempos é inadmisible.


O fío condutor destes dramas é a  tráxica historia de amor e ciumes de dúas irmás.




10 ene 2012

HdL le Oliver Twist

Oliver Twist, Wikipedia


Comezamos o ano celebrando o bicentenario de Dickens como non podía ser doutro xeito.

O club de lectura HdL escolleu para esta ocasión Oliver Twist.

Vémonos con Oliver esta mañá ás 12:05.

9 ene 2012

Sherlock Homes

Esta foi a obra de inauguración do club de lectura HdL no curso 2011-2012. Foi todo un éxito a súa escolla, xa que o xénero policíaco e a doses de intriga da obra captaron a súa atención a nimando á lectura dende o primeiro momento. Valoracións dos/as lectores/as: Paréceme que Sherlock ten unha impresionante capacidade de dedución e observación. Paréceme que Sherlock Homes é incrible o poder de dedución a pesar dos efectos das drogas. A min paréceme incrible a súa capacidade de dedución e observación.